jueves, 17 de julio de 2008

Non hai idade para as novas tecnoloxías

Un grupo de xubilados aprendeu onte a manexar o teléfono móbil no Centro Socio-Cultural de Monte Porreiro
O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, levou a cabo onte un obradoiro no Centro Socio - Cultural de Monte Porreiro para que a terceira idade aprendese a utilizar o teléfono móbil.
Cristina Conde, dinamizadora desta actividade, encargouse durante dúas horas de ensinar a Santiago Fernández, afeccionado á pesca de 80 anos; Josefa Ayuso que conta con 79 anos; Carmen Alonso de 66 anos; e Obdulia Varela, de 77 anos, a coñecer o aparello telefónico e ter as primeiras impresións que "foron moi boas", segundo comenta Cristina.
Para comezar, a monitora debuxou un móbil na pizarra e explicou ós seus 'mozos' como está formado o teléfono: a pantalla, as teclas e a batería. Aprenderon tamén o código PIN e o PUK e para que serven. "Saben que o código PIN, se alguén lles rouba o móbil, permitirá que non o utilicen", comenta Cristina Conde. A continuación, centraron o obradoiro en apagar e acender o teléfono, crear unha axenda de contactos e saber manexarse con ela, facer e recibir chamadas e cargar a batería. O que máis custou foi, sen dúbida, crear un contacto novo, xa que resultou moi díficil asociar as letras ós números das teclas.
A pesar de mostrarse reticentes de cara ó uso do móbil, xa que teñen o fixo na casa, saben que é moi útil en situacións puntuais. Así, cado Santiago vai de pesca sempre o leva por se lle pasa algo. Ademais, Cristina Conde comentaba que "co sinal do parello a Policía pode localizalos".
Sen embargo, estas persoas quéixabanse de que os números de teléfono son moi pequenos e que a xente maior como Santiago, que está operado das cataratas nun ollo, ten máis dificultades xa que "as letras non se ven".
A monitora explicou que a estes anciáns "chámalles moito a tecnoloxía, sobre todo os móbiles e o ordenador", e Josefa Ayuso completaba a información afirmando que a súa "neta de catro anos xa sabe manexar o rato da computadora, e eu quero compartir impresións con ela". Por iso, este obradoiro terá unha segunda parte en setembro, durante cinco días con horario de mañá, na que os alumnos aprenderán a mandar e ler mensaxes e facer fotos co teléfono.
A iniciativa desta rede é fundamental para o desenvolvemento das políticas de inclusión na sociedade da información e o desenvolvemento rural. Por iso, xa no mes de maio fixeron un obradoiro de iniciación do PC, facendo un campionato de cartas entre os alumnos. Con isto, os participantes "perderon o medo ó ordenador", explicou a dinamizadora.

1 comentario:

Oscar F. Clapés dijo...

Ola Cris, taba a enredar no teu blog e tuiquiti tuiquiti mira!! meus avós na fotiño ... jsjsjs , un saúdo rapaza